sábado, 23 de octubre de 2010

“Castelao e a emigración”

Reproducimos deseguido un fragmento de Sempre en Galiza no que 
Castelao  dá a súa visión da emigración.

Falemos da emigración galega xa que me sinto emigrante.
Disque unha tribo de alma viaxeira enfiou o roteiro do sol, e, anda, anda, 
chegou ao cabo do mundo, á nosa Fisterra, onde ficou varada de asombro, 
ante a inmensidade e o infindo. E velahí como a alma viaxeira dunha tribo
de Oriente enraizou os seus anceios de coñecemento na pedra ígnea do noso 
chan e formou a primeira capa da nosa nación.
Disque outras tribos de alma viaxeira foron chegando, polo mesmo camiño, 
á nosa Fisterra, e alí vararon os seus anceios, a comtemplaren o sol
mergullándose nas augas do mar: un dos maiores misterios da antigüidade, 
o misterio que enxendrou o “terror clásico”. Todos seguían o roteiro do sol 
(o mesmo camiño que despois seguiron as civilizacións) e todos chegaban 
á Fisterra, e dende alí só as almas podían camiñar en procura da verdade. 
Contan que a nosa Fisterra era o peirao en que se embarcaban as
almas dos mortos para proseguiren o anceio dos vivos (as arelas de 
coñecemento obrigaban a andar, e só no cabo do mundo xurdía o
inescrutábel alén). Disque a nosa Terra foi invadida por uns homes 
barudos que traballaban os metais e que se consideraban fillos do deus 
da morte, en honor do cal contaban o tempo por noites, eque esta tribo 
domeñou o “mar tenebroso” e chegou a Irlanda, para crear dende alí 
un novo imposíbel: o de retonar ás orixes. E así o Pai Sol, que todos os días 
percorría a vouta do ceo, levado en triunfo polos cabalos astrais, 
retornaba morto todas as noites ó berce das orixes, conducido 
polos ciños hiperbóreos, para que se acendese cada mañá en
chamas e comenzase de novo a súa carreira triunfal, a sementar a vida
no mundo.
Esta é a lenda, que decote se adovía con mil pantasías poéticas; 
mais despois veu a historia e por ela sabemos que outros pobos diferentes 
chegaron á nosa Fisterra e que lle infundiron novo carácter; pero ningún 
invasor foi capaz de roubarlle a alma viaxeira, que xa camiñaba en direccións 
opostas do mesmo camiño: cara ao alén e cara ás orixes.
Cando se descubriu en Galicia o corpo do Apóstolo a alma viaxeira
do mundo antigo abriu novos camiños para chegar á nosa Fisterra 
e sentir anceios do longano na longanía. E o peregrino xacobeo 
–cuberto de cunchas de vieira− confundiuse co Xudeu errante, e de tanto
camiñar deixou no ceo un ronsel de estrelas, que aínda hoxe se chama
“o camiño de Santiago”.
Todos os pobos que se asomaron á nosa Fisterra sentiron arelas de 
traspor aqueles horizontes visibles e inasequibles, e foi, xustamente, 
o anceio do “alén mar” o que descubriu este novo mundo, polo que agora
navegan as miñas dores e as miñas esperanzas. 
Non hai dúbida de que o venturoso descubrimento permitiunos a nós abrir
camiños virxes e dar acougo ao noso afán de peregrinar.
E a alma viaxeira de Galicia formou desde entón, no fondo 
do Atlántico, un camiño de esqueletos –proseguimento
do camiño das estrelas− para deixarmos testemuño oculto e dramático 
da nosa comunicación con América.
Nós cremos que a emigración galega non se axeita doadamente
ás interpretacións materialistas, aínda que as necesidades económicas 
nos empurrasen decote a buscar terras de mellor vivir. 
Na vontade de certos emigrantes hai motores máis fortes que a
pobreza, como no vontade dos homes sedentarios hai sentimentos
que matan a fame. Se así non fose outros pobos españois emigrarían 
máis ca nós, porque teñen máis necesidades, máis miseria, máis
escravitude.
Os emigrantes galegos son empurrados por causas imponderables, 
que ninguén soubo desentrañar; pero que todos intuímos vagamente.
Así os poetas fixeron da emigración o tema máis doroso das súas 
tristuras crepusculares; os humoristas dixeron que o noso pobo 
agardaba pola invención dos trasatlánticos para proseguiren a viaxe; 
os sabios albiscaron que Galicia fuxía da brétema, e que se alongaba 
en procura de sol, como as plantas. 
E os economistas afirman que a emigración galega tería fin cando
se suprimese a necesidade de emigrar; mais eu preguntaríalles 
ós economistas: ¿Cales son as necesidades de emigrar? 
¿Cales son as necesidades que en Galicia debemos suprimir?
¿Abondaría comer ben e durmir sen pesadelos para dar acougo
ás nosas arelas de ver mundos? Preguntémoslles aos catorce
mariñeiros galegos que traballan neste barco e axiña nos 
decataremos de que, so pretesto de necesidades materiais,
emigraron para satisfaceren anceios metafísicos e cumpriren
os destinos da nosa raza viaxeira, magoada de saudades 
e ao mesmo tempo enraizada no chan nativo.
¡Quen sabe se a saudade galega non será outra cousa máis 
que a loita de dous anceios incompatibles: o de estar e non
estar na Terra!
Vai para moitos anos que un artista andaluz me dixo no peirao
de Vigo, vendo erguer áncoras a un trasatlántico:
“Os españois botan raíces na terra, coma se fosen árbores;
mais as vosas raices son elásticas, de tanta elasticidade que
vos deixan dar mil voltas ao redor do mundo”. 
Aquel artista andaluz falou así despois de ver aos emigrantes
galegos rubiren as escadas do vapor con aire de turistas 
de terceira clase, seguros do retorno.
Aínda que os factores económicos fosen de abondo para 
explicar o fenómeno migratorio de Galicia é o certo que 
nós sabemos andar polo mundo á cata de benestar, e que os
demais españois moren de fame con tal de non enfiaren
camiños descoñecidos.  
Osgalegos sabemos arranxar os papeis e pedir unha pasaxe
de terceira; sabemos agacharnos nas bodegas dun trasatlántico
cando non temos diñeiro; sabemos pillar estradas cun fatelo 
ao lombo ou empurrando a roda de amolar; sabemos abrir
fronteiras pechadas; sabemos, en fin, canto debe saber 
un bo camiñante, aínda que a viaxe sexa a primeira 
da nosa vida. 
En troques os casteláns sofren miseria e escravitude por non
alonxárense da familia, dos colchóns, dos pucheiros, 
dos barreñóns, das tixolas e do gato… Os casteláns non son 
capaces de confiaren o seu tesouro amoroso á terra en que
foron nados, e se algunha vez se aventuran a deixala cangan 
con todo ás costas, para non contraeren, consigo mesmos, 
a obriga de retornaren. Os casteláns non se moven do
chan nativo ou vanse del para sempre.
Non hai dúbida de que a emigración galega revela unha
diferenza de carácter cado se compara co sedentarismo 
castelán. 
Hai unha forza que nos empurra cara ao mundo e
outra que nos xungue á terra nativa, pois se os camiños
nos tentan a camiñar é porque deixamos unha luz acesa 
sobor da casa en que fomos nados, e alí nos agarda o fin da
vida. 
Andar, andar, andar, e no remate do traballos devolverlle 
á Terra o corpo que ela nos emprestou.
Arquivo da Emigración Galega.     aemigracion@consellodacultura.org
- CASTELAO, ALFONSO, R.: Sempre en Galiza, Akal, 1994, (Libro segundo,
capítulo XX) p. 227-230.