lunes, 14 de mayo de 2012

Biblioteca Dixital

Doce títulos conforman a posta en marcha da Biblioteca Dixital da Galeguidade


(Domingo, 13.05.2012)
  • A iniciativa, desenvolvida pola Secretaría Xeral da Emigración, permite que as obras cheguen á e ao lector de calquera lugar do mundo.
  • A Xunta aproveita as novas tecnoloxías, máis respectuosas co Medio Ambiente, para espallar a creación literaria relacionada coa diáspora.
Xunta de Galicia - Secretaría Xeral da Emigración.En cumprimento do seu obxectivo fundamental de achegar os recursos –tamén os culturais- á cidadanía no Exterior, a Secretaría Xeral da Emigración ven de poñer en marcha a Biblioteca Dixital da Galeguidade, que permitirá a consulta e baixada dos volumes que se vaian colgando na mesma.
Un total de doce obras configuran o primeiro bloque xa dispoñible en rede no enderezo electrónico http://emigracion.xunta.es/e-biblioteca, todos eles con dereitos de autor da propia Secretaría Xeral, que dirixe Santiago Camba. De cada un deles faise unha pequena recensión na páxina indicada, para dar idea aos e ás navegantes pola web do contido da publicación, que se pode descargar completa.
Os títulos que estrean esta biblioteca virtual son Asociacionismo galego no Exterior (dous tomos), Autoconcepto en hijos de emigrantes, Casas de indianos, Dun Finisterrae a outro: a emigración galega á Patagonia, El Tercio de Gallegos, Galegos en América e americanos en Galicia, Galleguidad en la Argentina, Justa distribución del sufragio como poder, La emigración gallega al Río de la Plata, Memorial del último Reino Santiago de Chile, e Presencia eterna de gallegos en La Habana.
Todos eles están editados entre os anos 1998 e 2001, e dalgún xa non se atopan exemplares dispoñibles en papel. Precisamente, a intención da Secretaría á hora de incluír estes títulos –e os que veñan de agora en adiante- na Biblioteca Dixital é que se manteña e perdure no tempo o importante legado cultural que atesouran estes volumes, e que non se perda por falta de dispoñibilidade para os estudosos ou interesados. Por outra banda, colgalos en rede amplía de maneira substancial o abano do público potencial.
Economía e ecoloxía
Esta nova ferramenta virtual forma parte da estratexia desenvolvida polo departamento de Santiago Camba de achegar novos recursos para a diáspora aproveitando o uso das novas tecnoloxías. Este vieiro, asemade, supón un aforro económico importante e un método máis respectuoso co Medio Ambiente, por canto evita o emprego do papel como soporte.

A iniciativa ven sumarse a outras xa postas en marcha por Emigración no camiño de empregar as ferramentas informáticas para achegar os recursos da Administración á galeguidade, recursos que nunha porcentaxe elevada xa poñen á súa disposición no portal web antes indicado.
A intención da Secretaría, coma do resto dos departamentos autonómicos, é afondar nesta estratexia, que representa un importante aforro económico, resulta máis respectuosa co medio ambiente, e, sobre todo, evita innecesarios desprazamentos ao usuario, aspecto fundamental cando se fala da diáspora.

No hay comentarios:

Publicar un comentario